AQUÍ TES O BANDO DE DON XUNCÓN PARA O LUNS 5, FEBREIRO 2024.
venres, 2 de febreiro de 2024
xoves, 8 de setembro de 2022
NOVO CURSO 2022-2023
Tras a parada estival, voltamos con enerxía para afrontar este novo curso, máis claro e sen tantas restricións como viñemos padecendo. O Equipo de Dinamización desexa que a partir de agora poidamos vernos ben, con boa saúde e sen obstáculos víricos.
COMEZAMOS!! E facémolo, como cada ano, publicando o calendario escolar deste novo curso, que podes descargar en calquera tamaño. Aconsellámosche o A3 para poder ter máis espazo que cubrir se o levas a un taboleiro; se non, cun A4 chégache.
Este curso dedicámolo aos peixes e mariscos; algúns nomes galegos que teñen diferenza co castelán. Se vas ao mercado, non esquezas pedir en galego!
Moito ánimo e forza, compañeiras e compañeiros!! Vémonos polos corredores, no patio, nas aulas...😍💪
Descarga aquí o calendario pagán (feireamos).
Descarga aquí o calendario cristián.
venres, 10 de decembro de 2021
ÁRBORE DOS DESEXOS POLO NADAL
Achegándose a celebración do Nadal e sabendo que son momentos de exaltación das emocións e dos sentimentos, propúxose esta actividade para o alumnado de 1ºESO coa colaboración das Titorías, de Orientación e de Vicedirección do IES A Xunqueira II.
mércores, 10 de novembro de 2021
CONCURSO TARXETAS DE NADAL
Achegámonos ao mes de nadal, e o Equipo de Dinamización, un ano máis, vén a convocar o concurso de postais de nadal, dirixido a todo o alumnado de Secundaria e Bacharelato do IES A Xunqueira II. Consulta as bases aquí e anímate a participar con toda a túa imaxinación, creatividade e sentimento natalicio.
Lembra que só podes facer o teu deseño nunha cara da postal, pois se resulta vencedora será a imaxe oficial da postal de nadal do noso instituto.
Participa!!!
mércores, 3 de novembro de 2021
SAMAÍN 2021
Vén de rematar a noite do Samaín, fin do verán e comezo do novo ano celta e dun novo ciclo agrícola; a etapa escura. Neses días de transición, os espíritos dos mortos andarían entre os vivos, mellor ou peor recibidos. E desa crenza precisamente derivan moitos dos ritos que se manteñen aínda hoxe.
Tomando como modelo esta data, o alumnado de 1º ESO do IES A Xunqueira II (e algunhas profes), coa colaboración fantástica do Departamento de Debuxo, deseñou as súas lápidas xunto cun epitafio pouco habitual e cheo de comicidade, para darlle alegría á "perda". Ademais, baixo landras🌳 ou castañas🌰, deron conta de refráns ou historias relacionadas co outono, co magosto ou co mesmo Samaín. Botácheslle un ollo?
Aquí tedes a proba de todos. Agardamos que vos guste! 👻💀
xoves, 16 de setembro de 2021
NOVO CURSO 2021-2022
O Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Xunqueira II dá a benvida a este novo curso escolar, con pequenos novos cambios neste camiño de pandemia que vimos e seguimos a percorrer. Desexamos que todo vaia ben e poidamos ter unha normalidade onde poder ver os nosos sorrisos a través da boca, principalmente.
E para iniciar esta nova etapa volvemos a deseñar o calendario escolar até o mes de xuño, que podes descargar.
Este ano dedicamos os meses ás herbas de San Xoán, onde cada unha delas achega as súas características. Que sexan quen de pór maxia na nosa ruta!
Agardamos que vos guste.
Podes descargalo aquí.
luns, 7 de xuño de 2021
PREMIOS CERTAME LETRAS GALEGAS
Despois da celebración das Letras Galegas 2021 en homenaxe a Xela Arias, o xuri do Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Xunqueira II resolveu conceder premio na Categoría B, alumnado de 4º de ESO e Bacharelato, quedando a Categoría A deserta por falta de textos e non seguimento das bases. Así, a alumna María, de 1ºBach, resultou a gañadora deste certame co poema Sen dereito:
Non me leves
nin regreses.
Non me toques
nin me sopres.
Se non o fixeches
foi porque non quixeches.
Non me fales
nin me mires
Non me culpes se o que dis non o entendes.
Teño razóns para non falar.
Teño razóns para estar no ar.
Teño feitizos para enganar,
teño feitizos para namorar.
Se non tes conciencia
é porque non quixeches
Se non a tes é por non saber
Non me mires con ollos penosos
que ben sabes a verdade
Non me fales con labios teimosos
que ben me respondes.
Non son nin a túa criada
nin túa nai.
Non son nin a túa esperanza
nin o teu desacougo
Son un ser que non ten dereito a ser tratado así
e ten a ilusión de chegar ao seu destino axiña.
PARABÉNS POLO BO FACER!!!
PREMIOS Certame Ben Veñas Maio
O xurado do Certame Ben Veñas Maio vén de fallar os premios nas distintas categorías convocadas nesta edición: III Certame de Videoclips musicais, V Certame de curtamentraxes, XX Certame de fotografía, XXVIII certame de banda deseñada, XXVIII Certame de narración curta e o XX Certame de poesía.
Velaquí a relación de premiados e premiadas, onde se encontran dúas alumnas do noso centro, Clara Fariña e Sofía Filgueira:
III Certame de videoclips musicais:
• Primeiro premio: Clara Fariña Castro. IES Xunqueira II
V Certame de curtametraxes:
• Primeiro premio: Alicia Dopazo Cendón. IES Valle Inclán
XX Certame de fotografía:
• Primeiro premio: Carme Munaiz Canosa. IES Sánchez Cantón
• Segundo premio: Carolina Munaiz Canosa. IES Sánchez Cantón
XXVIII Certame de banda deseñada:
• Categoría A: deserto
• Categoría B: a partir de 15 anos
• Primeiro premio: ‘Arredor de min’, Miguel Bouza Rodríguez. IES Torrente
Ballester
• Segundo premio: ‘A historia do galego con pantín e timpán’. Ainoa Garzón
Mejuto. IESs A Xunqueira I
• Segundo premio: ’Mortalmente galego’. Anaís González Aboy. IES A Xunqueira I
XX Certame de poesía:
• Categoría A: ata 14 anos inclusive
• Primeiro premio: ‘Con alma e sangue galegos’. Alexandre Garrido Roca. IES
Torrente Ballester
• Segundo premio: ‘E se sei?’. Sabela Porto Verísimo. IES A Xunqueira I
• Categoría B: a partir de 15 anos
• Primeiro premio: ‘Non quero ser coma ti’. Mario Elías Blanco Boullosa. IES
Torrente Ballester
• Segundo premio: ‘Enleada’. Sara Rodríguez Vence. IES Sánchez Cantón
• Segundo premio: ‘O son da pandeireta’. Clara Fariña Castro. IES A Xunqueira II
XXVIII Certame de narración curta:
• Categoría A: ‘ata 14 anos inclusive
• Primeiro premio: Naceu e morreu sendo galego’. Paula Fariña Martínez. IES
Valle Inclán
• Segundo premio: ‘Unha nova historia’. Ana Uxía Santos. IES Luis Seoane
• Segundo premio: ‘Voltas e revoltas da vida’. Marcia González García. IES
Torrente Ballester
• Categoría B: a partir de 15 anos
• Primeiro premio: ‘Un día de chuvieira’. Sofía Filgueira Fómez. IES A Xunqueira II
• Segundo premio: ‘Ninguén’. Andrés Pardo Carballo. IES Torrente Ballester
• Segundo premio: ‘Quen non existe’. Alfredo José Fernández Marques. IES
Sánchez Cantón
PARABÉNS ÁS PREMIADAS!!!
Para ver as composicións, preme aquí
venres, 5 de marzo de 2021
Entrega premio "Entroido nas Portas"
Este venres, 5 de marzo, foi entregado á aula de 3º PMAR o seu premio pola decoración da porta da súa aula durante o mes do Entroido. Parabéns, grupo! A seguir traballando así de xenial!
mércores, 24 de febreiro de 2021
DÍA DE ROSALÍA 2021
Hoxe é o Día de Rosalía de Castro e xa chegaron a nós todos os traballos artísticos que o alumnado do IES A Xunqueira II realizou para o I Concurso Artístico "De puño e pincel", convocado para este día de celebración.
Aquí vos deixamos uns vídeos que dan fe destas artistadas. Nunhas semaniñas teremos as ilustracións gañadoras, e durante estes días comezarán a exporse na entrada do centro.
Grazas a todas e todos por participardes!!
#Teusdocescantares
CATEGORÍA A > preme aquí para ver os deseños entregados
CATEGORÍA B > preme aquí para ver os deseños entregados
luns, 18 de xaneiro de 2021
CONCURSO "O ENTROIDO NAS PORTAS"
Achegámonos á festa máis enmascarada do ano, á máis cómica e divertida: O ENTROIDO!!! E con ela, o Equipo de Dinamización Lingüística convídate a ti e ao teu grupo de aula a participar no Concurso de Decoración 2021.
Trátase de decorar as portas secundarias de cada unha das vosas aulas con temática de entroido, baseándose sempre nunha carauta tradicional destas festas (peliqueiros, troteiros, felos, pantallas, ribeiraos, boteiros, merdeiros, xenerais...), de xeito persoal, orixinal e con algunha adaptación actual. Podes procurar información sobre as mesmas en internet, como por exemplo a páxina de turismo.gal, que recolle un documento sobre algunhas máis salientábeis.
Anima aos teus compañeiros e compañeiras a participar e procurade orixinalidade e creatividade para poder ser os gañadores.
Aquí as bases.
venres, 15 de xaneiro de 2021
CALENDARIO ESCOLAR 2021
Comezando o ano e abrindo esta nova canle do Equipo de Dinamización Lingüística, deseñamos un calendario escolar até o mes de xuño que podes descargar.
Este ano dedicamos os meses a persoas célebres dentro da Literatura Galega que xa non están connosco e que naceron xustamente nese mes onde aparecen. Levan un pequeno escrito, da man desas persoas.
Agardamos que vos guste.
Podes descargalo aquí.
mércores, 13 de xaneiro de 2021
CONCURSO POSTAIS DE NADAL
Coma todos os anos, coa chegada do nadal e fin de trimestre, convócase para todo o alumnado do noso centro un concurso de postais de nadal, onde o principal obxectivo é a activación da súa creatividade. Estabelecéronse dúas categorías de participación: unha para os tres primeiros cursos da ESO e a outra para os restantes (dende 4ºESO até 2ºBACH).
Unha vez recibidas as tarxetas participantes, expuxéronse todas na entrada do instituto e coas gañadoras creouse a postal de nadal do centro.
Na primeira categoría foi a realizada por Lucía Abollado Bugallo, de 1ºESO, a gañadora. A súa orixinalidade, técnica e personalidade foi a que convenceu ao xuri do concurso:
E na segunda categoría resultou gañadora a creada por Ángela Medina Dacasa, de 1ºBACH, achegando non só un deseño, senón tamén un poema creado.
Ademais, levaron accésit outras creacións. Podes ver todas as postais aquí.
GALIZA POP
O 25 de novembro levouse a cabo unha actividade, Galiza Pop, subvencionada polo Concello de Pontevedra, nomeadamente polo Servizo de Normalización Lingüística, que fora reservada xa no curso pasado e que se tiña programado realizar no terceiro trimestre, mais a situación de emerxencia decretada en marzo de 2020 non permitiu a súa celebración, mais púidose desenvolver neste primeiro trimestre do novo curso académico; iso si, seguindo o protocolo Covid estabelecido no centro, coas medidas necesarias en todo momento.
Esta actividade ía ser dirixida por Miguel Silva Conde, o Aquel-e, mais por cuestións laborais foi reemprazado por outro youtubeiro de sona, Mario Brión Toucedo, ou Olaxonmario, quen fixo un breve repaso pola cultura pop galega, tanto actual como histórica.
Tratábase de conversar entre as persoas asistentes, pondo en valor o entretemento e a cultura pop, dando a coñecer aquela produción que puidese ser de interese para a rapazada: música, youtubeiros e youtubeiras, revistas en liña etc.
Olaxonmario puxo sobre a mesa (na pantalla) a voz de Andrés do Barro ou de Ana Kiro, e sorprendentemente para moitas, moi pouco alumnado recoñeceu😓Mario amosoulles novas voces actuais que sorprenderon á rapazada, como Boyanka kostova, Fo Records ou Ezetaerre
Foi o alumnado de 4ºESO quen tivo a oportunidade de coñecer esta Galiza Pop, non só musical, senón tamén youtubeira.
domingo, 10 de xaneiro de 2021
SAÚDO
👋O Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Xunqueira II comeza a súa andaina polo mundo blogger. Nunca é tarde, dita o refrán. Pois velaquí chegamos con ganas de amosarche todo o que facemos, o que pensamos, o que vemos e o que sabemos.
Nacemos nun ano un tanto especial, continuando coas restriccións da pandemia Covid e con moito desexo de que todo volva á normalidade social da que vimos afeitas.
O obxectivo principal do Equipo é poder desenvolver unha vida en galego, o máis motivadora posíbel, e que ti tamén o fagas.
Así que, amiga, amigo, imos aló con todo isto. E lembra, se pertences ao IES A Xunqueira II e queres formar parte do Equipo de Dinamización, tes as portas abertas.
Forza e alegría!💪😄
CURSO 2025-2026 E CALENDARIO
Benvid@ ao curso 2025-2026 !!! Un ano máis, o teu equipo de Dinamización, deséxache un feliz inicio de curso, cheo de forza, enerxía e ...
-
Benvid@ ao curso 2025-2026 !!! Un ano máis, o teu equipo de Dinamización, deséxache un feliz inicio de curso, cheo de forza, enerxía e ...
-
O novo curso xa comezou!!!!! O Equipo de Dinamización Lingüística saúdate e deséxache un feliz curso, cheo de enerxía e moita sorte! Para...
-
Despois de catro anos, o Equipo de Dinamización Lingüística vese na necesidade de actualizar os datos do centro en canto o uso da nosa lin...



















