Amosando publicacións coa etiqueta EDLG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EDLG. Amosar todas as publicacións

xoves, 8 de setembro de 2022

NOVO CURSO 2022-2023

 Tras a parada estival, voltamos con enerxía para afrontar este novo curso, máis claro e sen tantas restricións como viñemos padecendo. O Equipo de Dinamización desexa que a partir de agora poidamos vernos ben, con boa saúde e sen obstáculos víricos.

  COMEZAMOS!!  E facémolo, como cada ano, publicando o calendario escolar deste novo curso, que podes descargar en calquera tamaño. Aconsellámosche o A3 para poder ter máis espazo que cubrir se o levas a un taboleiro; se  non, cun A4 chégache. 

Este curso dedicámolo aos peixes e mariscos; algúns nomes galegos que teñen diferenza co castelán. Se vas ao mercado, non esquezas pedir en galego! 

  Moito ánimo e forza, compañeiras e compañeiros!! Vémonos polos corredores, no patio, nas aulas...😍💪


Descarga aquí o calendario pagán (feireamos).

Descarga aquí o calendario cristián.

venres, 10 de decembro de 2021

ÁRBORE DOS DESEXOS POLO NADAL

 

Achegándose a celebración do Nadal e sabendo que son momentos de exaltación das emocións e dos sentimentos, propúxose esta actividade para o alumnado de 1ºESO coa colaboración das Titorías, de Orientación e de Vicedirección do IES A Xunqueira II.

 

O alumnado, autonomamente ou con axuda, creou figuras relacionadas coa época de nadal para colocar na árbore de nadal e cada unha delas levaba escrito a man un desexo da propia persoa artista, ou ben relacionado consigo mesma, co ámbito da escola ou co mundo en xeral. 

 E así foi como quedou de ben enfeitizada a nosa árbore natalicia, con fermosos desexos que terán que cumprirse nestas datas ou neste novo ano que chega.
 
  BO NADAL, rapazada. Grazas polas vosas emotivas mensaxes!!!







venres, 26 de novembro de 2021

APRENDEMOS A REGUEIFAR

Os cursos de 2ºESO aprenderon a regueifar da man de profesionais deste xeito de lidar entre as amizades. Unha hora e media de diversión e cante ben rimado, onde aprendemos e rematamos ben contentos e encantados con esta xentiña que tanto sabía.

Agora tan só falta que algúns dos rapaces e rapazas que alí improvisaron continúen coa vocación.

Ademais, alumnado de Literatura Galega do s.XX viñeron regueifar tamén con estes grupos. Moi ben feito!








mércores, 3 de novembro de 2021

SAMAÍN 2021

 Vén de rematar a noite do Samaín, fin do verán e comezo do novo ano celta e dun novo ciclo agrícola; a etapa escura. Neses días de transición, os espíritos dos mortos andarían entre os vivos, mellor ou peor recibidos. E desa crenza precisamente derivan moitos dos ritos que se manteñen aínda hoxe.

 Tomando como modelo esta data, o alumnado de 1º ESO do IES  A Xunqueira II (e algunhas profes), coa colaboración fantástica do Departamento de Debuxo, deseñou as súas lápidas xunto cun epitafio pouco habitual e cheo de comicidade, para darlle alegría á "perda". Ademais, baixo landras🌳 ou castañas🌰, deron conta de refráns ou historias relacionadas co outono, co magosto ou co mesmo Samaín. Botácheslle un ollo? 

  Aquí tedes a proba de todos. Agardamos que vos guste! 👻💀 

 




xoves, 16 de setembro de 2021

NOVO CURSO 2021-2022

 O Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Xunqueira II dá a benvida a este novo curso escolar, con pequenos novos cambios neste camiño de pandemia que vimos e seguimos a percorrer. Desexamos que todo vaia ben e poidamos ter unha normalidade onde poder ver os nosos sorrisos a través da boca, principalmente.

E para iniciar esta nova etapa volvemos a deseñar o calendario escolar até o mes de xuño, que podes descargar. 

  Este ano dedicamos os meses ás herbas de San Xoán, onde cada unha delas achega as súas características. Que sexan quen de pór maxia na nosa ruta!

Agardamos que vos guste.

Podes descargalo aquí

 


 

luns, 7 de xuño de 2021

PREMIOS CERTAME LETRAS GALEGAS

 Despois da celebración das Letras Galegas 2021 en homenaxe a Xela Arias, o xuri do Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Xunqueira II resolveu conceder premio na Categoría B, alumnado de 4º de ESO e Bacharelato, quedando a Categoría A deserta por falta de textos e non seguimento das bases. Así, a alumna María, de 1ºBach, resultou a gañadora deste certame co poema Sen dereito:

Non me leves

nin regreses.

Non me toques

nin me sopres.

Se non o fixeches

foi porque non quixeches.

Non me fales

nin me mires

Non me culpes se o que dis non o entendes.

Teño razóns para non falar.

Teño razóns para estar no ar.

Teño feitizos para enganar, 

teño feitizos para namorar.

Se non tes conciencia

é porque non quixeches

Se non a tes é por non saber

Non me mires con ollos penosos

que ben sabes a verdade

Non me fales con labios teimosos

que ben me respondes.

Non son nin a túa criada

nin túa nai.

Non son nin a túa esperanza

nin o teu desacougo

Son un ser que non ten dereito a ser tratado así

e ten a ilusión de chegar ao seu destino axiña.

PARABÉNS POLO BO FACER!!! 

 

 





PREMIOS Certame Ben Veñas Maio

 O xurado do Certame Ben Veñas Maio vén de fallar os premios nas distintas categorías convocadas nesta edición: III Certame de Videoclips musicais, V Certame de curtamentraxes, XX Certame de fotografía, XXVIII certame de banda deseñada, XXVIII Certame de narración curta e o XX Certame de poesía. 

Velaquí a relación de premiados e premiadas, onde se encontran dúas alumnas do noso centro, Clara Fariña e Sofía Filgueira:


III Certame de videoclips musicais:
• Primeiro premio: Clara Fariña Castro. IES Xunqueira II

V Certame de curtametraxes:
• Primeiro premio: Alicia Dopazo Cendón. IES Valle Inclán

XX Certame de fotografía:
• Primeiro premio: Carme Munaiz Canosa. IES Sánchez Cantón
• Segundo premio: Carolina Munaiz Canosa. IES Sánchez Cantón

XXVIII Certame de banda deseñada:
Categoría A: deserto
 

Categoría B: a partir de 15 anos
• Primeiro premio: ‘Arredor de min’, Miguel Bouza Rodríguez. IES Torrente
Ballester
• Segundo premio: ‘A historia do galego con pantín e timpán’. Ainoa Garzón
Mejuto. IESs A Xunqueira I
• Segundo premio: ’Mortalmente galego’. Anaís González Aboy. IES A Xunqueira I

XX Certame de poesía:
Categoría A: ata 14 anos inclusive
• Primeiro premio: ‘Con alma e sangue galegos’. Alexandre Garrido Roca. IES
Torrente Ballester
• Segundo premio: ‘E se sei?’. Sabela Porto Verísimo. IES A Xunqueira I
 

Categoría B: a partir de 15 anos
• Primeiro premio: ‘Non quero ser coma ti’. Mario Elías Blanco Boullosa. IES
Torrente Ballester
• Segundo premio: ‘Enleada’. Sara Rodríguez Vence. IES Sánchez Cantón
• Segundo premio: ‘O son da pandeireta’. Clara Fariña Castro. IES A Xunqueira II

XXVIII Certame de narración curta:
Categoría A: ‘ata 14 anos inclusive
• Primeiro premio: Naceu e morreu sendo galego’. Paula Fariña Martínez. IES
Valle Inclán
• Segundo premio: ‘Unha nova historia’. Ana Uxía Santos. IES Luis Seoane
• Segundo premio: ‘Voltas e revoltas da vida’. Marcia González García. IES
Torrente Ballester
 

Categoría B: a partir de 15 anos
• Primeiro premio: ‘Un día de chuvieira’. Sofía Filgueira Fómez. IES A Xunqueira II
• Segundo premio: ‘Ninguén’. Andrés Pardo Carballo. IES Torrente Ballester
• Segundo premio: ‘Quen non existe’. Alfredo José Fernández Marques. IES
Sánchez Cantón

PARABÉNS ÁS PREMIADAS!!!

 Para ver as composicións, preme aquí






venres, 9 de abril de 2021

CERTAME LITERARIO "LETRAS GALEGAS"

 Nada queda para que chegue a celebración do Dia das Letras Galegas. Este 2021 dedicado a Xela Arias Castaño,  "escritora demorada e reflexiva,  que fai que a súa obra incida na vocación transgresora e transformadora da palabra poética" (Ana Romaní).

Segundo a Academia Galega, Xela Arias é ...

"Escritora, tradutora, editora e docente, toda a actividade da poeta gravita arredor das palabras. E con elas estableceu un pacto de esixencia: rigorosa e delicada na edición e na tradución; liberadora, transgresora e non menos rigorosa, no poema. Entre eses marcos vai estendendo un labor consciente, meditado, decidido.

O idioma é a arxila que moldea a vida de Xela Arias. As palabras dunha lingua que restaura a posibilidade de ser dun país e que ela trata desde esa conciencia: “O idioma é o principal signo dunha cultura”, dicíao en 1988 e seguía:

Quere iso dicir que un pobo que se alonxa do seu idioma alónxase da súa cultura. 

Quere iso dicir que a un pobo ó que alonxan do seu idioma alónxano da súa cultura. 

Quere iso dicir que Galicia ten aínda hoxe os seus mitos, a súa tradición sen resolver porque ten aínda sen resolve-la aceptación do seu propio idioma."

O Equipo de Dinamización do IES A Xunqueira II convoca un certame literario. Este ano dedicado a esta autora e que ten como base principal a poesía

Haberá dúas categorías de participación: A, para os tres primeiros niveis da ESO; e B, para 4º ESO eos Bacharelatos. 

Le as bases do concurso e participa! Tes até o día 18 de maio para entregar as túas obras poéticas. Revélate e mostra a túa arte!


 

 

 

xoves, 25 de marzo de 2021

BEN VEÑAS MAIO

 Un ano máis, a coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra convoca o Ben Veñas Maio. Unha convocatoria que reúne diferentes disciplinas: videoclips, curtametraxes, fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía. Non é pouco, va que non? Pois entón, anímate e participa nas modalidades que ti consideres. Tes unha boa oportunidade para dar a coñecer a túa valía. Dálle, non agardes máis!! 💪😋



venres, 5 de marzo de 2021

Entrega premio "Entroido nas Portas"

 Este venres, 5 de marzo, foi entregado á aula de 3º PMAR o seu premio pola decoración da porta da súa aula durante o mes do Entroido. Parabéns, grupo! A seguir traballando así de xenial!



martes, 2 de febreiro de 2021

POR ORDE DE DON XUNCÓN'21...

 Achégase o entroido, a data máis festiva e trouleira da cultura galega. Tempo de máscaras, risos e "liberdade". Nestas datas parece que perden a súa vixencia os valores e normas do resto do ano, todo está permitido; chegan as sátiras e caricaturas de persoas e acontecementos célebres; un  momento de liberarnos de forma lúdica das frustracións do ano. 


Deste xeito, desaparecen as categorías sociais, todos somos iguais, todos somos máscaras. A personalidade que cada un/ha ten de seu queda na casa e a máscara representa un papel.

 

Por iso, o Equipo de Dinamización do Xunqueira II enceta unha nova actividade para non permitir que a monotonía, e a tristura, destes momentos que estamos a vivir, se apodere das nosas vidas. Trátase de darlle vida a Don Xuncón'21, o excelentísimo e insigne señor, quen nos dará, previamente ao día, unhas instrucións de como achegarnos, voluntariamente, ao centro cada día da segunda semana de febreiro. 

Que? Anímaste?  

Agarda ao venres 5 de febreiro para coñecer a súa ordenanza do día 8.



mércores, 20 de xaneiro de 2021

DE PUÑO E PINCEL

  Co gallo da conmemoración do nacemento da grande poeta galega, Rosalía de Castro, o Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Xunqueira II convoca o I Certame Escolar "De puño e pincel".

Consiste en ter como modelo a seguir a obra "O puño e a letra", de Yolanda Castaño, na editorial Xerais (existencias na biblioteca, en Debuxo e na coordinadora do EDL). A temática ten que xirar ao redor de algún poema de Rosalía presente en Cantares Gallegos ou Follas Novas. -Non ten por que estar presente todo o texto poético elixido; bastaría con algúns versos-.

Colle o teu pincel e particípa neste concurso realizado polo Equipo de Dinamización, coa colaboración do Departamento de Debuxo. Amosa a túa vea artística!

Podes ler aquí as bases do concurso.


luns, 18 de xaneiro de 2021

CONCURSO "O ENTROIDO NAS PORTAS"

 Achegámonos á festa máis enmascarada do ano, á máis cómica e divertida: O ENTROIDO!!! E con ela, o Equipo de Dinamización Lingüística convídate a ti e ao teu grupo de aula a participar no Concurso de Decoración 2021.

Trátase de decorar as portas secundarias de cada unha das vosas aulas con temática de entroido, baseándose sempre nunha carauta tradicional destas festas (peliqueiros, troteiros, felos, pantallas, ribeiraos, boteiros, merdeiros, xenerais...), de xeito persoal, orixinal e con algunha adaptación actual. Podes procurar información sobre as mesmas en internet, como por exemplo a páxina de turismo.gal, que recolle un documento sobre algunhas máis salientábeis.

Anima aos teus compañeiros e compañeiras a participar e procurade orixinalidade e creatividade para poder ser os gañadores.

Aquí as bases


 

venres, 15 de xaneiro de 2021

CALENDARIO ESCOLAR 2021

 Comezando o ano e abrindo esta nova canle do Equipo de Dinamización Lingüística, deseñamos un calendario escolar até o mes de xuño que podes descargar. 

  Este ano dedicamos os meses a persoas célebres dentro da Literatura Galega que xa non están connosco e que naceron xustamente nese mes onde aparecen. Levan un pequeno escrito, da man desas persoas.

Agardamos que vos guste.

Podes descargalo aquí.

mércores, 13 de xaneiro de 2021

CONCURSO POSTAIS DE NADAL

 

Coma todos os anos, coa chegada do nadal e fin de trimestre, convócase para todo o alumnado do noso centro un concurso de postais de nadal, onde o principal obxectivo é a activación da súa creatividade. Estabelecéronse dúas categorías de participación: unha para os tres primeiros cursos da ESO e a outra para os restantes (dende 4ºESO até 2ºBACH).

Unha vez recibidas as tarxetas participantes, expuxéronse todas na entrada do instituto e coas gañadoras creouse a postal de nadal do centro.

 

Na primeira categoría foi a realizada por Lucía Abollado Bugallo, de 1ºESO, a gañadora. A súa orixinalidade, técnica e personalidade foi a que convenceu ao xuri do concurso:


 

E na segunda categoría resultou gañadora a creada por Ángela Medina Dacasa, de 1ºBACH, achegando non só un deseño, senón tamén un poema creado.


Ademais, levaron accésit outras creacións. Podes ver todas as postais aquí.



 

 

GALIZA POP

 

O 25 de novembro levouse a cabo unha actividade, Galiza Pop, subvencionada polo Concello de Pontevedra, nomeadamente polo Servizo de Normalización Lingüística, que fora reservada xa no curso pasado e que se tiña programado realizar no terceiro trimestre, mais a situación de emerxencia decretada en marzo de 2020 non permitiu a súa celebración, mais púidose desenvolver neste primeiro trimestre do novo curso académico; iso si, seguindo o protocolo Covid estabelecido no centro, coas medidas necesarias en todo momento.

Esta actividade ía ser dirixida por Miguel Silva Conde, o Aquel-e, mais por cuestións laborais foi reemprazado por outro youtubeiro de sona, Mario Brión Toucedo, ou Olaxonmario, quen fixo un breve repaso pola cultura pop galega, tanto actual como histórica. 

Tratábase de conversar entre as persoas asistentes, pondo en valor o entretemento e a cultura pop, dando a coñecer aquela produción que puidese ser de interese para a rapazada: música, youtubeiros e youtubeiras, revistas en liña etc. 

Olaxonmario  puxo sobre a mesa (na pantalla) a voz de Andrés do Barro ou de Ana Kiro, e sorprendentemente para moitas, moi pouco alumnado recoñeceu😓Mario amosoulles novas voces actuais que sorprenderon á rapazada, como Boyanka kostova, Fo Records ou Ezetaerre

Foi o alumnado de 4ºESO quen tivo a oportunidade de coñecer esta Galiza Pop, non só musical, senón tamén youtubeira. 




 

 

domingo, 10 de xaneiro de 2021

SAÚDO

 👋O Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Xunqueira II comeza a súa andaina polo mundo blogger. Nunca é tarde, dita o refrán. Pois velaquí chegamos con ganas de amosarche todo o que facemos, o que pensamos, o que vemos e o que sabemos.

Nacemos nun ano un tanto especial, continuando coas restriccións da pandemia Covid e con moito desexo de que todo volva á normalidade social da que vimos afeitas.

O obxectivo principal do Equipo é poder desenvolver unha vida en galego, o máis motivadora posíbel, e que ti tamén o fagas. 

Así que, amiga, amigo, imos aló con todo isto. E lembra, se pertences ao IES A Xunqueira II e queres formar parte do Equipo de Dinamización, tes as portas abertas. 

Forza e alegría!💪😄



CURSO 2025-2026 E CALENDARIO

   Benvid@ ao curso 2025-2026  !!! Un ano máis, o teu equipo de Dinamización, deséxache un feliz inicio de curso, cheo de forza, enerxía e ...