mércores, 20 de xaneiro de 2021

ENTREGA AGASALLOS NADAL

 Rematado o nadal, voltamos ás aulas e iniciamos entregando os agasallos aos premiados/as do concurso de postai. Velaquí as probas:

Na CATEGORÍA I.....


Na CATEGORÍA II faise entrega á gañadora, pois a gañadora dun accésit aínda non o puido recoller:


 
 
PARABÉNS @S PREMIAD@S!!! 


DE PUÑO E PINCEL

  Co gallo da conmemoración do nacemento da grande poeta galega, Rosalía de Castro, o Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Xunqueira II convoca o I Certame Escolar "De puño e pincel".

Consiste en ter como modelo a seguir a obra "O puño e a letra", de Yolanda Castaño, na editorial Xerais (existencias na biblioteca, en Debuxo e na coordinadora do EDL). A temática ten que xirar ao redor de algún poema de Rosalía presente en Cantares Gallegos ou Follas Novas. -Non ten por que estar presente todo o texto poético elixido; bastaría con algúns versos-.

Colle o teu pincel e particípa neste concurso realizado polo Equipo de Dinamización, coa colaboración do Departamento de Debuxo. Amosa a túa vea artística!

Podes ler aquí as bases do concurso.


luns, 18 de xaneiro de 2021

CONCURSO "O ENTROIDO NAS PORTAS"

 Achegámonos á festa máis enmascarada do ano, á máis cómica e divertida: O ENTROIDO!!! E con ela, o Equipo de Dinamización Lingüística convídate a ti e ao teu grupo de aula a participar no Concurso de Decoración 2021.

Trátase de decorar as portas secundarias de cada unha das vosas aulas con temática de entroido, baseándose sempre nunha carauta tradicional destas festas (peliqueiros, troteiros, felos, pantallas, ribeiraos, boteiros, merdeiros, xenerais...), de xeito persoal, orixinal e con algunha adaptación actual. Podes procurar información sobre as mesmas en internet, como por exemplo a páxina de turismo.gal, que recolle un documento sobre algunhas máis salientábeis.

Anima aos teus compañeiros e compañeiras a participar e procurade orixinalidade e creatividade para poder ser os gañadores.

Aquí as bases


 

venres, 15 de xaneiro de 2021

CALENDARIO ESCOLAR 2021

 Comezando o ano e abrindo esta nova canle do Equipo de Dinamización Lingüística, deseñamos un calendario escolar até o mes de xuño que podes descargar. 

  Este ano dedicamos os meses a persoas célebres dentro da Literatura Galega que xa non están connosco e que naceron xustamente nese mes onde aparecen. Levan un pequeno escrito, da man desas persoas.

Agardamos que vos guste.

Podes descargalo aquí.

mércores, 13 de xaneiro de 2021

CONCURSO POSTAIS DE NADAL

 

Coma todos os anos, coa chegada do nadal e fin de trimestre, convócase para todo o alumnado do noso centro un concurso de postais de nadal, onde o principal obxectivo é a activación da súa creatividade. Estabelecéronse dúas categorías de participación: unha para os tres primeiros cursos da ESO e a outra para os restantes (dende 4ºESO até 2ºBACH).

Unha vez recibidas as tarxetas participantes, expuxéronse todas na entrada do instituto e coas gañadoras creouse a postal de nadal do centro.

 

Na primeira categoría foi a realizada por Lucía Abollado Bugallo, de 1ºESO, a gañadora. A súa orixinalidade, técnica e personalidade foi a que convenceu ao xuri do concurso:


 

E na segunda categoría resultou gañadora a creada por Ángela Medina Dacasa, de 1ºBACH, achegando non só un deseño, senón tamén un poema creado.


Ademais, levaron accésit outras creacións. Podes ver todas as postais aquí.



 

 

GALIZA POP

 

O 25 de novembro levouse a cabo unha actividade, Galiza Pop, subvencionada polo Concello de Pontevedra, nomeadamente polo Servizo de Normalización Lingüística, que fora reservada xa no curso pasado e que se tiña programado realizar no terceiro trimestre, mais a situación de emerxencia decretada en marzo de 2020 non permitiu a súa celebración, mais púidose desenvolver neste primeiro trimestre do novo curso académico; iso si, seguindo o protocolo Covid estabelecido no centro, coas medidas necesarias en todo momento.

Esta actividade ía ser dirixida por Miguel Silva Conde, o Aquel-e, mais por cuestións laborais foi reemprazado por outro youtubeiro de sona, Mario Brión Toucedo, ou Olaxonmario, quen fixo un breve repaso pola cultura pop galega, tanto actual como histórica. 

Tratábase de conversar entre as persoas asistentes, pondo en valor o entretemento e a cultura pop, dando a coñecer aquela produción que puidese ser de interese para a rapazada: música, youtubeiros e youtubeiras, revistas en liña etc. 

Olaxonmario  puxo sobre a mesa (na pantalla) a voz de Andrés do Barro ou de Ana Kiro, e sorprendentemente para moitas, moi pouco alumnado recoñeceu😓Mario amosoulles novas voces actuais que sorprenderon á rapazada, como Boyanka kostova, Fo Records ou Ezetaerre

Foi o alumnado de 4ºESO quen tivo a oportunidade de coñecer esta Galiza Pop, non só musical, senón tamén youtubeira. 




 

 

OBRADOIRO OPS!

 

O pasado 4 de novembro de 2020 foi impartido o obradoiro OPS! por Graziela Lois, da área de formación de AGAL, que tiña como obxecto facerlle ver ao alumnado que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que, polo tanto, falar galego ofrece unha clara vantaxe competitiva.

Foi dirixido a alumnado de 1º e 2º BACH con materia de Segunda Língua Estrangeira - Português e Achegamento à Língua e Cultura Portuguesas.

Esta actividade foi subvencionada e posta en marcha polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra no curso académico 2019-2020 e o Equipo de Dinamización reservara para realizar no 3º trimestre, mais, debido á situación de emerxencia decretada en marzo, as actividades paralizáronse, polo que este curso tiveron continuidade seguindo o protocolo Covid estabelecido polo centro. 

 



domingo, 10 de xaneiro de 2021

SAÚDO

 👋O Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Xunqueira II comeza a súa andaina polo mundo blogger. Nunca é tarde, dita o refrán. Pois velaquí chegamos con ganas de amosarche todo o que facemos, o que pensamos, o que vemos e o que sabemos.

Nacemos nun ano un tanto especial, continuando coas restriccións da pandemia Covid e con moito desexo de que todo volva á normalidade social da que vimos afeitas.

O obxectivo principal do Equipo é poder desenvolver unha vida en galego, o máis motivadora posíbel, e que ti tamén o fagas. 

Así que, amiga, amigo, imos aló con todo isto. E lembra, se pertences ao IES A Xunqueira II e queres formar parte do Equipo de Dinamización, tes as portas abertas. 

Forza e alegría!💪😄



DÍA DE ROSALÍA - 23.2.24

  Durante esta semana dedicada a Rosalía de Castro, o alumnado do noso centro estivo traballando, creando, debuxando ao redor da figura da ...