Achégase o entroido, a data máis festiva e trouleira da cultura galega. Tempo de máscaras, risos e "liberdade". Nestas datas parece que perden a súa vixencia os valores e normas do resto do ano, todo está permitido; chegan as sátiras e caricaturas de persoas e acontecementos célebres; un momento de liberarnos de forma lúdica das frustracións do ano.
Deste xeito, desaparecen as categorías sociais, todos somos iguais, todos somos máscaras. A personalidade que cada un/ha ten de seu queda na casa e a máscara representa un papel.
Por iso, o Equipo de Dinamización do Xunqueira II enceta unha nova actividade para non permitir que a monotonía, e a tristura, destes momentos que estamos a vivir, se apodere das nosas vidas. Trátase de darlle vida a Don Xuncón'21, o excelentísimo e insigne señor, quen nos dará, previamente ao día, unhas instrucións de como achegarnos, voluntariamente, ao centro cada día da segunda semana de febreiro.
Que? Anímaste?
Agarda ao venres 5 de febreiro para coñecer a súa ordenanza do día 8.