Sentes un agarimo especial por alguén? Unha compañeira? Un compañeiro? Un profesor ou profesora? Pai, nai? Queres gritalo aos catro ventos. Deixa latexar o teu corazón, expresa con palabras ese afecto, a amizade, a boa onda ou ese desasosego e participa.
BASES:
1ª: Para participar só tes que sentir amor, afecto, simpatía, agradecemento...sen que a idade sexa un obstáculo. Seica os sentimentos teñen idade? Alumnado, profesorado, persoal non docente, nais e pais, todos poden ser receptores.
2ª: O texto terá forma epistolar, é dicir, seguirá a estrutura típica dunha carta persoal. Coida os detalles. Non escatimes palabras, sentimentos, desexos, angustias nin recordos. Todas as vivencias, reais ou imaxinarias, que se relacionen co amor nas súas múltiples facetas teñen cabida no teu texto.
3ª: A túa carta será de tamaño libre. Presentarala con letra clara, a man ou a computador, como prefiras; con coidada presentación e correcta ortografía.
4ª: A lingua utilizada será a LINGUA GALEGA.
5ª: As cartas deben ser orixinais e inéditas, froito do teu traballo propio. En definitiva, únicas e persoais, como o teu amor. Eliminaranse todos aqueles traballos que resulten ser copias ou meras imitacións.
6ª: As cartas entregarasllas á túa profesora de Lingua, dentro dun sobre aberto, facilitado polo Centro,en cuxo exterior figurarán o destinatario e o pseudónimo do emisor. As cartas serán anónimas.
7ª.- Quedarán excluídas todas aqueles escritos que presenten calquera tipo de falta de respecto. As cartas serán lidas previamente antes de chegar ao seu destinatario.
8ª: O prazo para facernos chegar o teu amoroso traballo termina o 07 de febreiro de 2024
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.