martes, 1 de febreiro de 2022

II CERTAME "DE PUÑO E PINCEL"

Despois dos grandes e artísticos resultados do curso pasado do Concurso "De puño e pincel", volvemos convocalo baixo as mesmas bases: le os versos de Cantares Gallegos e/ou Follas Novas e en canto vexas que versos poderías interpretar mediante a pintura, a arte de debuxar ou deseñar, pon o pincel a remollo e plasma toda a túa vea artística  no papel.

 Este ano, despois de estudos e investigacións, sábese exactamente o ano de nacemento de Rosalía de Castro: o 23 de febreiro. Coa finalidade de conmemorar o seu nacemento levamos a cabo este certame. 

Lembra tamén que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega nos anima a recordala agasallando a quen máis queremos cun libro e unha flor, neste último caso, se for posíbel, coa flor do pensamento, e a publicar nas vosas redes achegas a Rosalía co cancelo #SementadePensamentos e #_rdc_2022.

Le as bases do concurso e participa!!!! O Departamento de Debuxo do IES A Xunqueira II forma parte colaboradora deste proxecto tan artístico.



 

luns, 31 de xaneiro de 2022

O Entroido nas portas

 Un ano máis, onde a pandemia continúa presente con restricións, aínda que en menor medida, voltamos a propor o concurso do Entroido nas portas

Este ano a temática que se agocha tras a decoración será a actualidade, sempre cun sorriso de troula por tras.

Lede as bases e participade. Lembrade que é por grupos e o gañador terá como recompensa á súa artistada un almorzo saudábel para cada membro da aula.

IMAXINACIÓN AO PODER!!!


 

 

venres, 28 de xaneiro de 2022

Entrega agasallos Postais

 Esta semana fíxose entrega dos agasallos en galego para as gañadoras do concurso de postais. O profe Ricardo foi o encargado de darlle o seu presente a Lara, de 1ºESO; mentres que a profe Sabela o fixo coa súa alumna, Carla, de 4ºESO.

  Agardamos que vos gusten estes produtos galegos da compañía #Nikis Galiza. PARABÉNS!!!

E aos demais, tan só nos resta dicirvos que vos animedes a participar en todos os vindeiros concursos.




martes, 25 de xaneiro de 2022

Traballos CantáMOLA

 A raíz da exposición CantáMOLA, alumnos/as de 2ºESO fixeron traballos ao redor de algún grupo musical que alí visualizaron, para achegárnolo e coñecer moito máis sobre el. 

Aquí tedes algúns exemplos:


 


 

Grazas!!

luns, 24 de xaneiro de 2022

CantaMÓLA en Galego

 

Entre os días 25 de xaneiro e 10 de febreiro, tedes na entrada do noso centro a exposición CantáMOLA en galego, unha exposición transmedia que celebra a revolución musical no século XXI na Galiza. Esta foi elaborada polo Concello de Pontevedra, a través do Servizo de Normalización Lingüística, a quen lle agradecemos o seu empréstimo.

 A través dela podedes coñecer e afondar sobre as nosas músicas ao longo deste tempo, a súa evolución e os distintos grupos e solistas que forman parte do noso panorama musical. Non só temos música de raíz, senón tamén doutros estilos: pop, rock, bravú... Artistas como as Tanxugueiras, Guadi Galego, The Homens, Sés, Terbutalina, Xabier Díaz, Davide Salvado, Dakidarría, Mercedes Peón... poderás escoitalos no Spotify ou na canle de Youtube baixo o nome de CantáMOLA.

  Agardamos que a desfrutedes e vos anime a continuar escoitando a nosa música.



 



martes, 21 de decembro de 2021

Postais de nadal gañadoras do concurso

 Finalizado o primeiro trimestre do curso escolar, o xuri do Equipo de Dinamización resolveu o concurso de postais con dúas gañadoras para cada categoría:

Na modalidade A  (1º a 3º ESO) a tarxeta mellor valorada foi a realizada por Lara P.A. de 1ºESO; e na modalidade B (4º ESO e BACH), a gañadora foi Carla R.A., de 4ºESO.

Con estas postais desexámosvos un bo nadal e que para o vindeiro ano veñades cheas/os de enerxía para retomar o curso con moito ánimo.



 

venres, 10 de decembro de 2021

ÁRBORE DOS DESEXOS POLO NADAL

 

Achegándose a celebración do Nadal e sabendo que son momentos de exaltación das emocións e dos sentimentos, propúxose esta actividade para o alumnado de 1ºESO coa colaboración das Titorías, de Orientación e de Vicedirección do IES A Xunqueira II.

 

O alumnado, autonomamente ou con axuda, creou figuras relacionadas coa época de nadal para colocar na árbore de nadal e cada unha delas levaba escrito a man un desexo da propia persoa artista, ou ben relacionado consigo mesma, co ámbito da escola ou co mundo en xeral. 

 E así foi como quedou de ben enfeitizada a nosa árbore natalicia, con fermosos desexos que terán que cumprirse nestas datas ou neste novo ano que chega.
 
  BO NADAL, rapazada. Grazas polas vosas emotivas mensaxes!!!







CURSO 2025-2026 E CALENDARIO

   Benvid@ ao curso 2025-2026  !!! Un ano máis, o teu equipo de Dinamización, deséxache un feliz inicio de curso, cheo de forza, enerxía e ...